O BNG celebra un acto público en Poio co gallo do Día da Patria
Por Oskar Viéitez
Un cento de persoas participaron este xoves en Poio no acto político co gallo do Día da Patria Galega organizado polo BNG.
Marga Caldas, portavoz municipal no concello de Poio, foi a encargada de dar a benvida aos asistentes, destacando a importancia deste día para todos os galegos "comprometidos coa defensa dos dereitos e a identidade do noso país".
A primeira intervención correu a cargo de Irea Ferreiro, integrante da organización xuvenil Galiza Nova, quen subliñou a necesidade do nacionalismo "nun momento tan crítico como o actual", facendo fincapé na situación da mocidade galega.
"A mocidade precisa referentes e un futuro no que poder vivir e traballar con dignidade na súa propia terra", afirmou Ferreiro, quen denunciou a falta de oportunidades e o éxodo xuvenil. Tamén fixo referencia á traxectoria do nacionalismo e a todas as loitas que encabezou.
A continuación, Guillerme Vázquez, ex portavoz nacional do BNG e histórico dirixente do nacionalismo, realizou unha defensa do dereito de autodeterminación para Galicia, afirmando con contundencia que "Galiza é unha nación".
Vázquez exemplificou a discriminación que sofre Galicia mencionando o rescate das autoestradas AP-7 e as radiais madrileñas, "mentres que os galegos seguimos a pagar un prezo excesivo por circular pola AP-9". Tamén fixo referencia á "invasión eólica que está a padecer o noso territorio", denunciando que os beneficios non reverten na nosa poboación, afondando así na nosa "relación colonial con España".
Por todos estes motivos, Vázquez afirmou que "o nacionalismo é máis necesario que nunca" e proclamou con firmeza que "non renunciamos á patria galega", pois "é a única vía para acabar coa discriminación que sufrimos por ser galegos e galegas dentro deste estado".
O acto rematou co canto do himno nacional e coa actuación musical a cargo da Agrupación Cultural Penaguda.