![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c6f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66992491e5-obras-castano_portosanto-1-.jpeg)
© Concello de Poio
Comezan as obras en Portosanto para ampliar a rede de abastecemento e pluviais no camiño do Castaño
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d5e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/66992480ba-obras-castano_portosanto-2-.jpeg)
© Concello de Poio
O Concello de Poio comeza as obras para renovar a rede de abastecemento, completar as pluviais e mellorar o firme do camiño do Castaño, no lugar de Portosanto.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, que se achegou ata o lugar para coordinar os traballos, sinala que "con esta actuación estamos dando resposta a un compromiso adquirido coa veciñanza, para ofrecer unha solución ao evidente estado de deterioro que sofría esta vía municipal desde hai anos".
Segundo indica o proxecto, a actuación inclúe renovar a rede de abastecemento e dotación de pluviais. Ademais, desbrozarase e limparanse todas as marxes e renovarase o firme. Por último, inclúese sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico e garantir a seguridade na zona.
Neste momento o Concello de Poio tamén está executando a ampliación da rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño, unha actuación que vai permitir solucionar os problemas de inundacións que afectan ás fincas anexas, así como a humanización en Liñares con melloras que inclúen renovar a rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro do regato canalizado.
Ademais destes proxectos, tamén se reservaron fondos provinciais para mellorar a rede de pluviais e asfaltar no Sartal; mellorar o firme e completar a rede de pluviais no camiño do Outeiro de Fontenla, en San Xoán; completar un proxecto que quedou a medias no anterior mandato, coa instalación de alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña; investimentos para mellorar o firme do camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, ou mellorar o firme e crear un muro de contención en Camiño do Souto, en Combarro.