Tres empresas optan a redactar o proxecto de renaturalización do Gafos
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, anunciou este xoves que hai tres ofertas de empresas que optan ao contrato para a redacción do proxecto de execución para a recuperación e restauración ecolóxica do Gafos, que supoñerá eliminar a cuberta do río ao seu paso polo barrio de Campolongo.
As empresas interesadas son Calco, Territorio y urbanismo (Madrid); Otima, Ordenación territorial, infraestructuras y medio ambiente (Vigo) e a UTE conformada polas firmas viguesas Aquática Enxeñería Civil máis Rodríguez y Rivoira arquitectos.
O orzamento desta licitación é de 108.625 euros e está incluído dentro do total da execución da futura obra que ten un custo total que ascende a 2.249.719 euros e conta cunha subvención de preto de 1.766.000 euros, financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation, achegando o Concello o medio millón de euros restante.
O prazo previsto para a redacción do proxecto é de cinco meses. Unha vez presentado o proxecto por parte da adxudicataria, comezará o proceso de licitación da obra.
A empresa Calco executou proxectos como o Fil Cultural de Barcelona, a Rede de refuxios climáticos de Manacor ou o Plan de acción do barrio de El Puche, en Almería. Pola súa banda, Otima é a responsable da reordenación do Barrio do Cura de Vigo, da antiga casa.cuartel das Neves ou do complexo deportivo de Ponteareas.
Mentres que Aquática executou a rede de abastecemento de Tomiño, a EDAR do Grove, a rexeneración da praia de Riazor, a mellora do porto de Sidi Ifni, a reurbanización de Camelias ou o porto deportivo da Toxa. Rodríguez e Reboiras son os arquitectos do paseo marítimo de Bouzas.
"Trataremos de adxudicar o antes posible porque isto si que é prioritario a efectos de poder executar o proxecto antes posible", comentou o alcalde.