'Pontevedra no Bandullo' propón paseos familiares para saborear e coñecer mellor a Boa Vila
Por Redacción
Uns novos roteiros gastronómicos e culturais destinadas ao público familiar darán a coñecer os encantos de Pontevedra.
Trátase da iniciativa 'Pontevedra no Bandullo', presentada este martes pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e Cora Velasco como representante da empresa Leucoíña Pasea.
Os roteiros, pensados para que poidan participar nenos e nenas maiores de 5 anos acompañados dun adulto, terán como fío condutor a historia da Boa Vila a través das súas prazas e da súa vinculación coa gastronomía, pasando por establecementos como La Navarra (o bar máis lonxevo da cidade) ou o Mercado de Abastos.
"Coido que unha das cuestións máis interesantes desta cidade, alén de todas as bondades que ten Pontevedra, é a súa amabilidade coas crianzas. Desta base xorde a idea de traballar roteiros para familiares", afirmou Gulías explicando que "engadimos a perspectiva da gastronomía, un recurso moi acaído para poñer en valor a alta calidade e a oferta que temos nesta cidade", afirmou Gulías.
Pola súa banda Cora Velasco avanzou que "o roteiro incluirá unha cata, como non podía ser doutro xeito, de produtos autóctonos, locais e do país".
Os paseos, de balde pero con prazas limitadas, terán lugar os días 30 e 31 de xullo a partir das 11.00 horas e 1 e 2 de agosto ás 10.00 horas da mañá. A inscrición pode formalizarse a través do correo electrónico paseapontevedra@gmail.com.