O Club de Montañeiros-Aromon organiza unha atractiva actividade de sendeirismo para este domingo
Por Oskar Viéitez
O Club de Montañeiros-Aromon organiza, para o próximo domingo 21 de xullo, unha actividade de sendeirismo moi preto de Pontevedra, con dous perfís distintos.
Pola mañá estarán no río Lérez entre Ponte Bora e Gargallóns e pola tarde subirán por pistas forestais ata a Campa de Acibal en Xeve.
En total será unha ruta de 12 kilómetros cun desnivel de 400 metros. Cunha dificultade: Media-Baixa.
A saída está prevista ás nove e media da mañá e a chegada ás sete da tarde.
Os participantes sairán dende a Ponte de Bora. Cada un achegarase no seu coche particular coordinado cós monitores. Alí visitarán a Ponte dos Franceses sobre o río Almofrei e comentarán a famosa batalla do ano 1809.
Pasada a ponte sobre o Lérez collerán un sendeiro á dereita que levaralles río arriba. Despois dunha hora de camiñada chegarán á praia fluvial de Calvelo. Será necesario mollarse para cruzar á outra beira, na que terán a primeira sesión de baño.
A continuación avanzarán comodamente por pista e cruzarán o río na ponte metálica de Calvelo, en Tenorio, a 2,7 km da saída. Logo xa poderán avanzar, outra vez pola marxe esquerda do río, por sendas con maleza alta, entre bosque de ribeira, ata subir a Fragoso. Chegados a Fragoso levarán 5 km de ruta e atoparán un lugar de descanso con auga onde xantarán cara ás 13:00 horas.
Cando rematen este descanso, baixarán de novo cara o río e camiñarán preto dunha hora pola marxe do río ata Gargallóns, moi preto da PO-223 (7,7 km de ruta).
Aí deixarán atrás o Lérez para subir polos montes de Xeve ata a Campa do Acibal. Será o tramo máis esixente da ruta, 4,6 km e un desnivel de 400 metros, todo por pistas forestais.
Unha vez na Campa, onde agardará un coche (para levar ós conductores ata os coches no inicio), os que queiran subirán o monte Acibal (1 km) dende onde divisar unhas vistas espectaculares da ría de Pontevedra e da comarca.
As persoas interesadas en participar nesta actividade poden apuntarse ou pedir máis información ata o xoves día 18 de xullo en https://www.aromon.es/contacto/ ou https://www.aromon.es/actividades/de-ponte-bora-ao-acibal/