Xestur cede ao Concello o último dos espazos correspondentes ás obras de urbanización de Valdecorvos
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acolleu este luns a sinatura da acta de recepción do último dos espazos públicos do polígono de Valdecorvos. Deste xeito as obras de urbanización deste ámbito residencial quedaron oficialmente rematadas.
O acto participado polo tenente de alcalde, Antón Louro, e Javier Domínguez Lino, en representación da Sociedade de Xestión do Solo de Galicia (Xestur), podería levar por nome "Historia de una escalera" coma a obra de teatro, de Antonio Buero Vallejo, xa que o espazo recepcionado corresponde a unhas escaleiras que comunican a rúa das Fragas e do Prado Novo, a carón do edificio de vivendas sociais que está a construír o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
As obras foron realizadas pola empresa "Construcciones Vila-Río Miño", que, ademais, garantirá durante un ano a axeitada conservación das escaleiras. Non puideron ser realizadas antes por estar relacionadas cos traballos de preparación do terreo asociados a este edificio.
Durante a xuntanza, os representantes de Xestur informaron das súas previsións de que as obras do edificio, con 132 vivendas protexidas de promoción pública, poda estar rematado cara finais deste ano, e proceder a adxudicalas a principios de 2015.
O polígono de Valdecorvos, con 118.733 metros cadrados foi desenvolvido a resultas do convenio urbanístico asinado entre o Concello e o IGVS no ano 1992.