Vilagarcía terá uns orzamentos "expansivos" que alcanzarán os 35 millóns de euros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Sete meses despois de comezar o ano, Vilagarcía está en disposición de ter un orzamento aprobado. PSOE e BNG ultiman a negociación das contas para 2024 que, segundo avanzou o alcalde, Alberto Varela, alcanzará os 35 millóns de euros.
Nunha comparecencia de prensa, Varela subliñou que este orzamento é "expansivo" e que estará á altura "o que Vilagarcía necesita e merece".
A previsión de ingresos medra un 14%, malia que a presión fiscal -taxas e impostos- permanecerá conxelada un ano máis. O rexedor explicou que isto é posible "polo dinamismo da propia cidade", ao crecer o número de contribuíntes ano tras ano.
Ademais, aumentará tamén á cota de participación nos ingresos do Estado (PIE), que suporán un 54% dese incremento, é dicir, algo máis de dous millóns de euros.
Alberto Varela reafirmou o compromiso do seu goberno coas infraestruturas e os gastos sociais.
Así, por exemplo, o orzamento prevé un importante pulo aos investimentos, como os dous millóns de euros necesarios para acometer a ampliación da piscina, a humanización da rúa Vilaboa (400.000 euros) ou a mellora do acceso ao parque do Castriño (200.000).
O rexedor tamén se referiu á conversión do depósito municipal de vehículos na urbanización da Praza da Concha para convertelo nun novo aparcamento público, con capacidade para oitenta prazas.
As contas de 2024 inclúen tamén un “potente plan” de asfaltados nas vías rurais, e outros investimentos que están pendentes de pechar co BNG, algo que sucederá nos vindeiros días.
Varela destacou tamén que as axudas para o emprendemento aumentarán un 34%, un punto máis as becas para os alumnos universitarios ou de formación profesional, un 23% máis para Cultura, e tamén aumentarán as partidas de atención psicolóxica nas áreas de muller e igualdade.