En marcha a campaña de seguridade viaria dirixida ao colectivo motorista
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou a concentración moteira 'A Rosa dos Ventos' de Poio, onde lanzou a nova campaña de seguridade dirixida a motoristas para tratar de frear o incremento da siniestralidade que se está a producir entre este colectivo.
"Aproveitamos esta concentración moteira, unha das máis numerosas da provincia (pasarán case 2.000 moteiros e moteiras da provincia), para lanzar unha mensaxe de alerta polos datos de siniestralidade; unhas cifras ante as que non podemos permanecer impasibles", indicou Losada, quen volveu lembrar que 9 das 17 persoas falecidas nas estradas da provincia no que vai de ano conducían un ciclomotor ou motocicleta.
Acompañado da xefa provincial da DGT, Paula Yubero, e de membros do Subsector de Tráfico, o subdelegado repartiu entre os motoristas asistentes un folleto co decálogo de prevención da siniestralidade vial na condución de motocicletas e un tríptico informativo dirixido especificamente a motoristas elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
Este mesmo material será repartido durante todo o verán polos axentes da Garda Civil de Tráfico en tódalas actuacións e controis que poñan en marcha.
Losada explicou tamén que o parque de motocicletas da provincia viuse incrementado nas últimas dúas décadas nun 171%, pasando de 31.712 motocicletas no 2005 ás 86.000 rexistradas na actualidade, "polo que non é que haxa máis motos, senón que hai moitísimas máis e esta tendencia continúa", aumentando así o número de motoristas falecidos e o número de motos involucradas en accidentes.
Por este motivo, a DXT elaborou para esta campaña dous formatos de material informativo.
O primeiro, un tríptico que baixo o lema 'Querémosche de volta, querémosche seguro' explica a este colectivo as imprudencias e infraccións máis comúns, as consecuencias dun equipamento erróneo, e ofrece unha serie de recomendacións para unha condución segura.
Tamén se está a repartir un decálogo de prevención da siniestralidade vial na condución de motocicletas, no que se insiste nos elementos de seguridade, no equipamento, nos factores de prevención, como a distancia e as marxes de seguridade, e na responsabilidade e cumprimento das normas.
Relacionadas:
-
Tráfico tramita unha denuncia por infracción grave, recollida nun vídeo achegado por un cidadán
Por Oskar Viéitez |
-
Os 17 falecidos de tráfico de 2024, o "dato máis negativo" da seguridade na provincia para o subdelegado do Goberno
Por Natalia Puga |
-
Poio acolle esta fin de semana unha nova concentración moteira de A Rosa dos Ventos
Por Redacción |