O PP traslada a súa "absoluta decepción" cos concertos do verán en Pontevedra, que ven "á cola" de Galicia
Por Redacción
A programación musical das Festas de Verán de Pontevedra xera unha "sensación de absoluta decepción" no PP local, que asegura que se trata dunha opinión "compartida pola maioría dos nosos veciños e veciñas".
O concelleiro 'popular' Guille Juncal valorou este mércores a programación, que, durante as Festas da Peregrina (10 ao 19 de agosto) traerá a Pontevedra, entre outros, a El Drogas, Delaossa, Caamaño & Ameixeiras, Nil Moliner, Shinova, Mondra, Óscar Ibáñez & Tribo, Fillas de Cassandra, Pimpinela ou Anxo Araújo. Haberá ademais un concerto sorpresa (12 de agosto).
Juncal considera que o "sentir maioritario" dos cidadáns é que "non entenden por que Pontevedra volve quedar á cola das cidades na programación de verán".
O concelleiro do PP pide unhas festas de verán "á altura dunha capital de provincia" e considera que a fórmula idónea para que os concertos da Peregrina sexan referencia, é a "simbiose do talento autóctono coa chegada de artistas de primeiro nivel".
Así, considera que o Goberno local debería "apostar moito máis polo talento propio de Pontevedra e Galicia", que defende que é "cada vez máis amplo e variado, con artistas que están a ser referencia no panorama nacional".
Ademais, bota en falta "cabezas de cartel de primeirísimo nivel" e ve unha "visión reduccionista" e "falta de ambición do alcalde" na programación.
Sinala, así mesmo, que "contrasta coa realidade" doutras cidades próximas como A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo que, "a diferenza de Pontevedra, reforzan a súa programación festiva anual, con concertos de tirada nacional e internacional, que contribúen a poñer a Galicia no mapa".
Relacionadas:
-
Richard Bona, Jeff Cascaro ou Rick Estrin & The Nightcats, no trinta aniversario do Festival de Jazz e Blues
Por Redacción |
-
Con voz de muller trae a Pontevedra a Guadi Galego, De Vacas, Sheila Patricia e Malvela
Por Redacción |
-
Pontevedra, ante un "verán que non para" con preto de catrocentas actividades festivas nas súas Festas de Verán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Shinova, El Drogas, Pimpinela, Nil Moliner, Fillas de Cassandra, Mondra ou Delaossa, nas Festas da Peregrina
Por Redacción |