La Noche en 24H pecha tempada cun programa en directo desde a Praza da Ferrería con Rueda e Fernández Lores
Por Alejandro Espiño
Tras quince anos en antena, La Noche en 24H termina tempada cunha nova marca de audiencia. O programa conducido por Xabier Fortes logrou alcanzar por primeira vez o listón do 2% de cota, todo un fito para a canle temática de noticias de RTVE.
E, para celebralo, a Fortes e o seu equipo non se lles ocorreu mellor idea que pechar esta histórica tempada na súa cidade, en Pontevedra.
Desde a Praza da Ferrería, onde se instalará un improvisado set, La Noche en 24H emitirá en directo o seu último programa da tempada, este xoves día 11.
"O que logramos é algo, sen dúbida, digno de celebrar", explica Fortes, que asegura que "non hai ningún sitio mellor que Pontevedra para facelo".
Entre os invitados que compartirán programa co xornalista en Pontevedra estarán o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Se o tempo o permite, RTVE instalará unhas pantallas na praza para que os moitos seguidores que ten en Pontevedra poidan seguir xuntos o programa.