"Preocupación" do PP pola falta de investimento municipal para reparar as "numerosas deficiencias" do CEIP A Xunqueira I
Por Redacción
O PP de Pontevedra mostra a súa "preocupación" pola falta de investimentos do Concello de Pontevedra para solucionar os problemas actuais do CEIP A Xunqueira I e reclama que "asuma as súas responsabilidades" como a administración encargada do mantemento dos centros educativos.
As concelleiras do PP Silvia Junco e Aroa Otero visitaron as instalacións do colexio acompañadas polo seu director, Manuel Blanco, e, tras a visita, indicaron, a través dun comunicado, que atoparon "numerosas deficiencias".
Entre outras cuestións, critican que o Concello "non ofreceu ningunha posible solución" aos problemas de inundacións recorrentes no patio escolar que durante o último curso impediron aos alumnos facer uso das instalacións durante a tempada de choivas do inverno. Así, xéranse grandes balsas de auga no patio exterior que, ademais, "fan inservible o patio interior porque a zona de paso está impracticable".
Aroa Otero, como responsable da área de educación do PP, tamén urxe ao goberno municipal a posta en funcionamento do ascensor que a Xunta de Galicia habilitou para mellorar a accesibilidade do centro e que o Concello debe poñer en servizo e facerse cargo do seu mantemento.
Piden que o faga "o máis axiña posible" para que, entre outras necesidades, unha nova alumna con necesidades educativas especiais poida seguir o transcurso da súa formación académica con normalidade a partir de setembro.
De fronte ao curso escolar 2024/2025, tamén solicitan un aparcamento de bicicletas e un pintado integral da fachada do centro, que "transmite unha imaxe de abandono total".
Desde o PP aseguran que con esta denuncia fanse eco das demandas realizadas pola dirección do centro e a asociación de nais e pais.