![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/4ce/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/668befdf43-xiii-concentracion-moteira-a-rosa-dos-ventos.jpeg)
© Concello de Poio
Poio acolle esta fin de semana unha nova concentración moteira de A Rosa dos Ventos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Ata nove mil persoas prevén reunir os organizadores da décimo terceira edición da concentración moteira que organiza o motoclub A Rosa dos Ventos en Poio. Será entre os días 12 e 14 de xullo.
As actividades comezarán o venres, ás 20.30 horas, co pase stunt do especialista AV Campos e, posteriormente, farase unha ruta de antorchas polas rúas de Poio.
Na primeira xornada a música correrá a cargo de Tropa do Carallo, a nova banda de Evaristo Páramos, cantante de música punk que foi vocalista de La Polla Records. Como teloneros actuará a banda Calle del Ruido ás 22.45 horas.
Xa o sábado, a sesión vermú será ás 12.00 horas coa música en directo do grupo La Mécánica. E xa pola tarde haberá xogos moteros e animación antes do paso polas rúas do concello.
Ás 18.00 horas realizarase unha degustación de mexillón galego, exclusivamente para participantes inscritos, preparados polo cociñeiro Pepe Solla.
Antes da cena de confraternidade, na que tamén se entregarán trofeos aos moteiros máis destacados desta edición, organizarase un novo pase stunt a cargo do especialista AV Campos.
A medianoite está programado o mellor tributo de Europa de Guns N´Roses, segundo as revistas musicais e o grupo orixinal, a cargo da banda Gansos Rosas. E a noite rematará coa discoteca móbil cos DJ Toño, Rubén Díaz e Quico.
A última xornada arrancará ás 12.00 horas cunha ruta moteira pola contorna, con paradas e picoteos para todos os asistentes. A despedida será coa comida de confraternidade, ás 15.00 horas, na carpa habilitada.
Tanto Ángel Moldes como Manuel Torres convidaron aos asistentes a disfrutar de Poio e gozar de toda a programación proposta con moito sentidiño. "Queremos que disfruten da fin de semana e o fagan con seguridade, porque o importante é volver", sentenciou o organizador do evento.
Moldes agradeceu o traballo que a entidade realiza ao longo de todo o ano "para ofrecer unha cita atractiva para os amantes das motos e converter a Poio na capital galega do motociclismo".
"O epicentro está na Seca, pero os asistentes visitarán todo o municipio", destacou o alcalde, que explicou que a ocupación hoteleira para esta fin de semana é moi alta "e, incluso, nalgún caso xa colgaron o cartel de completo".