Desmantelan en Pontevedra unha "célula moi activa" dun grupo itinerante italo-croata dedicado a roubar en domicilios
Por Redacción
A Policía Nacional desmantelou en Pontevedra unha organización criminal itinerante de orixe italo-croata altamente especializada en cometer roubos con forza en domicilios particulares, detendo a dous dos seus integrantes.
As autoridades apuntan que este grupo era unha das células "máis activas" deste tipo de mafias e aseguran que os seus membros operaban con frecuencia en Galicia, Murcia e Pamplona.
Esta operación policial, bautizada como "Istria" comezou despois de que a Policía Nacional detectase que se produciron varios roubos en vivendas na provincia de Pontevedra.
Os axentes do Grupo UDEV-Delincuencia Itinerante sospeitaron desde o primeiro que podería tratarse dun clan establecido na rexión, extremo que se viu finalmente confirmado.
Dentro do despregamento operativo, as autoridades detectaron o pasado 26 de xuño a dúas mulleres tratando de entrar en varios portais da cidade de Pontevedra.
A vixilancia policial permitiu localizar o vehículo que estaban a utilizar para moverse en diferentes localidades, entre elas Ourense, Vigo, Redondela ou Santiago, e pescudar o lugar no que se aloxaban despois de cometer os roubos.
Alí, os axentes sorprenderon a estas dúas mulleres cando trataban de abandonaban o lugar con maletas, polo que se produciu a súa inmediata detención.
Os investigadores subliñan que esta célula era "sumamente activa" e contaba con apoio loxístico en León, en Barcelona e en Torrevieja, tendo "perfectamente organizados" os seus roles.
As detidas, que portaban documentación de Italia e de Francia no momento do seu arresto, utilizaban diferentes identidades, chegando a presentar dez identidades distintas.
No momento da detención, a Policía Nacional interveu diverso material especificamente destinado a cometer roubos, entre eles luvas, lanternas, chaves de parafusos para violentar as fechaduras, ganzúas e mesmo unha "chave de impresioning".
As dúas detidas foron postas ao dispor da autoridade xudicial, que decretou o seu inmediato ingreso en prisión.