O monumento en homenaxe aos barrosos estrea nova localización no Revel
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Na parte alta do Revel, fronte ao colexio O Cruceiro e o campo de fútbol. Aí instalouse o cruceiro homenaxe aos barrosos, como se lles coñece popularmente aos veciños e veciñas de Vilalonga.
A escultura, que se atopaba na Praza Pública e que se retirou tras a remodelación, foi reubicada neste novo espazo tras a súa limpeza e o acondicionamento do espazo. O conxunto escultórico foi visitado polo seu autor Manolo Fandiño e o concelleiro da parroquia, Yago Torres.
As máis de 28 toneladas de pedra granito taladas é un auténtico símbolo da parroquia. Na parte baixa, nos laterais pódense apreciar as imaxes da Ría de Arousa coas fábricas telleiras ao fondo, un día de festa na Praza Pública e un verso homenaxe aos canteiros onde o autor firmou a obra.
"Nunca antes se dixo, pero tamén é un recoñecemento ao empresario Epifanio Campo que tanto fixo por esta parroquia", asegurou Fandiño.
As figuras dun barroso co sacho e unha barrosa coa cesta na cabeza, aos pés da cruz, lembran unha actividade que marcou varias xeracións de familias en Vilalonga. Non faltan as referencias relixiosas coas imaxes da Virxe do Carme e dos seus patróns, San Pedro e Santo Tomé.
O autor indicou que "foi un traballo de varios meses", no que participaron varios canteiros, entre eles dous que están agora en Londres e Estados Unidos.
O conxunto escultórico conta tamén cunha fonte que recibe a auga do manancial coñecido como Caramelo e dispón de catro puntos de iluminación no chan para que poida seguir lucindo durante as horas de pouca luz.
“Gústame esta ubicación porque está enfronte do colexio O Cruceiro ao que eu fun de pequeno e no que estaba unha profesora, Milagros Guzmán, á que debo que sexa canteiro. Foi como a miña segunda nai", afirmou o autor da obra.