Detectado un positivo en gripe aviaria nunha gaivota morta no Grove
Por Redacción
Confirmado no Grove un novo caso de gripe aviaria. Trátase do segundo foco detectado en Galicia en 2024 e, nesta ocasión, o positivo detectouse nun exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis) atopada morta.
A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP).
O resultado foi confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
A gaivota foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo e o cadáver eliminouse conforme á normativa en vigor.
A notificación deste foco, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no estatus sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios de Galicia.
Mantéñense en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).