Cara finais de ano retiraranse as máquinas da Avenida de Ourense e será traspasada ao Concello de Marín
Por Oskar Viéitez
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou este venres as obras de humanización da PO-11 no tramo urbano de Marín, coincidente coa Avenida de Ourense.
Acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, e polo xefe provincial de Estradas, Pablo Domínguez, destacou que "con esta actuación ponse de manifesto a vontade de colaboración do Goberno de España" que "lle vai ceder este tramo urbano en magníficas condicións ao Concello".
O orzamento da obra, que executa o Ministerio de Transportes con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ascende a 1,1 millón de euros.
As obras comezaron en marzo e desenvólvense a un "bo ritmo", coa previsión de que poidan estar rematadas a finais de ano. Está prevista a ralentización durante o verán para prexudicar o menos posible ao tráfico rodado.
O subdelegado agradeceu a "cooperación activa" do Concello, no deseño desta obra de humanización, "que supón unha mellora moi importante en termos de seguridade e accesibilidade para os peóns nunha entrada fundamental ao centro urbano de Marín".
Abel Losada explicou que a intervención "permite gañar en racionalidade, pois tras esta obra todo o tramo urbano da PO-11, ata o remate no farol da praza de España, pasará a ser de titularidade municipal, respondendo así ao acordo plenario adoptado".
As obras abranguen o tramo de case 1,6 Km entre Cantodarea e a praza de España, polo que supoñen na práctica a transformación da arteria fundamental do centro urbano de Marín.
O deseño baséase nunha gran ampliación do ancho das beirarrúas na beira interior, creando unha ampla superficie destinada aos peóns e solucionando problemas de accesibilidade existentes ata o de agora. Esta importante ampliación foi posible ao suprimir o sobreancho na superficie asfaltada que había na beira contigua ao porto.
O outro elemento diferencial da obra é a construción dunha glorieta no cruce, regulado agora por semáforos. Esta rotonda vai supor unha importante mellora na fluidez da circulación e tamén na seguridade viaria ao favorecer os xiros. Deste xeito eliminarase o actual semáforo. En canto ao aparcamento, mantense a disposición en batería no lado do porto e en liña na beira do interior.
A actuación xa superou a fase máis complicada tralo remate da instalación das tubaxes dos servizos municipais de auga, saneamento e pluviais, así como os cruces transversais na calzada. Por último, tamén se procederá á renovación integral do firme e da sinalización, así como á colocación de novos farois e luminarias, así como á dotación de mobiliario urbano.
Relacionadas:
-
A oposición reclama ao goberno de María Ramallo que solucione a falta de aparcamentos en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Mantéñense as prazas para aparcar en toda a beirarrúa anexa aos edificios da Avenida de Ourense
Por Oskar Viéitez |
-
A nova glorieta da Avenida de Ourense permitirá eliminar os semáforos
Por Oskar Viéitez |
-
A humanización da Avenida de Ourense dá os seus primeiros pasos na zona de Cantodarea
Por Oskar Viéitez |