Protestan en Correos por falta de uniformes de verán e sobrecarga de traballo
Por Redacción
Un grupo de traballadores de Correos, convocados polos sindicatos, realizaban unha concentración en Pontevedra dentro do calendario de mobilizacións iniciado para denunciar diversas carencias na empresa.
Desde CSIF expoñen que faltan uniformes, principalmente de verán. A pesar dos escritos remitidos á dirección non se corrixe esta ausencia. Indican que das 7.557 convocadas en outubro de 2023 para novos carteiros, moitas das persoas incorporadas aínda non dispoñen dunha soa peza da indumentaria de empresa.
Esta situación súmase á falta de contratación e ao incremento de traballo.
Patricia Iglesias, portavoz de CSIF, explica que cinco das 23 seccións do servizo de Pontevedra carecen de novas contratacións para substituír ao persoal.
Na sección de motorizadas, tampouco hai substitucións en dúas das dez existentes.
En relación cos carteiros rurais, catro das 27 seccións tampouco teñen substitución.
"Esta situación está a provocar unha sobrecarga de traballo e mesmo atrasos para levar a repartición ao día", indica Iglesias.
As organizacións sindicais demandan unha negociación coa dirección da empresa de Correos.
Sinalan que se están producindo contratacións baixo mínimos do persoal eventual a pesar de que as cargas de traballo aumentan e condiciónanse os días libres a esa falta de efectivos; deficiente mantemento do parque móbil con vehículos compartidos entre o persoal; e subcontratas de limpeza e de seguridade á baixa, entre outros puntos.
Relacionadas:
-
Mercadona, interesada na nave de Correos da Avenida de Lugo para convertila nun supermercado
Por Alejandro Espiño |
-
Traballadores da Unidade de Reparto de Correos en Lalín volverán protestar na capital
Por Oskar Viéitez |
-
Comisións Obreiras denuncia o "caos" e o "abandono" no servizo de Correos de Pontevedra
Por Redacción |