![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/772/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/667973a9ef-pomonograficopino1.jpg)
© Universidade de Vigo
Unha publicación reúne un conxunto de experiencias para levar a innovación á práctica educativa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
'Aportaciones innovadoras desde la práctica educativa y comunitaria', é un número monográfico da revista científica que edita a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que ten como obxectivo: contribuír a que as investigacións que se desenvolven no ámbito académico repercutan na práctica educativa nos diferentes niveis de ensino.
Coordinado pola catedrática Margarita Pino, este volume reúne un conxunto de estudos que afondan en cuestións como as capacidades do deporte para integración social, a importancia da motivación na ensinanza de linguas estranxeiras, o uso de materiais para a educación en sostibilidade ou o desenvolvemento de competencias transversais a través da educación musical.
Todos eles, explica Pino, foron seleccionados co obxectivo de promover "esa transferencia á escola" e de "facilitar os procesos de cambio e mellora nos centros educativos".
Nunha entrevista para o Diario da Universidade de Vigo, a catedrática sinala que "aínda que na escola hai experiencias innovadoras, non é algo xeneralizado". Pino pon o foco en que "a innovación é clave para manter a relevancia e a efectividade nos procesos de ensinanza-aprendizaxe". De aí que "inspirar" o persoal docente "a probar novas técnicas e estratexias e adaptar os seus métodos de ensinanza ás novas demandas sociais e as características dos estudantes" sexa o obxectivo central deste monográfico da Revista de Investigación en Educación.
Impulsada no ano 2003, trátase dunha publicación dirixida a dar visibilidade ás investigacións e innovacións que, desde un enfoque interdisciplinar, poñen o foco na educación, incorporada recentemente ao Journal Citation Reports, o índice de citas máis valorado polos organismos de avaliación da actividade investigadora.