Abren a ponte de Ponte Arnelas tras a súa reconstrución
Por Redacción
Novos tempos para a ponte de Ponte Arnelas, tras levar a cabo a súa reconstrución por parte da Xunta de Galicia cun investimento de 5,3 millóns de euros.
María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, visitaba esta zona e destacaba o resultado do traballo desenvolvido durante os últimos meses para finalizar a reforma da ponte de Santa Marta, despois de que o 18 de abril de 2023 se detectaran danos derivados da corrosión que provocaron que a calzada cedera parcialmente.
Os primeiros traballos centráronse en evitar que a situación se agravase e, a continuación, desde a consellería buscouse unha solución para restituír o tráfico no menor tempo posible.
Apontoouse a ponte en ambas as marxes de maneira urxente e, nunha segunda fase, desmontouse a estrutura de maneira controlada, retirando as barreiras de formigón e do esqueleto metálico. Estes traballos finalizaban en outubro de 2023.
A partir de decembro iniciábase a cimentación da nova estrutura deseñando unha celosía inferior cun cordón que serve de paso peonil, cun paseo de madeira.
Martínez Allegue destacou que a obra respecta e intégrase na paisaxe existente acomodándose á beira do río.
"Sen dúbida contribuirá a mellorar o tráfico, con maior seguridade, entre estes dous concellos, de Vilanova de Arousa e Ribadumia", manifestou a Conselleira tras destacar a dificultade dos traballos realizados.
A ponte de Santa Marta en Ponte Arnelas inaugurábase o 5 de abril de 2007 pola Deputación de Pontevedra, que investira máis de tres millóns de euros na súa construción. Na actualidade, a Xunta de Galicia é titular desta obra arquitectónica.
Relacionadas:
-
Prevén reabrir ao tráfico en abril a ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Comeza a desmontaxe do taboleiro da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Reconstruír a ponte de Ponte Arnelas suporá un investimento de 5,3 millóns
Por Redacción |
-
Reabre a estrada provincial que pasa por debaixo da ponte de Ponte Arnelas
Por Redacción |
-
Expertos en infraestruturas investigan os danos da ponte de Ponte Arnelas
Por Oskar Viéitez |