A Alianza Social Galega maniféstase por Pontevedra para pedir outras solucións á crise
Por Redacción
As rúas de Pontevedra acolleron unha nova manifestación de protesta, nesta ocasión organizada polo colectivo Alianza Social Galega que agrupa diversas organizacións sindicais, veciñais, culturais e profesionais. A protesta encabezada polos líderes comarcais dos tres sindicatos, Marcos Conde de CIG, Ramón Vidal de UGT e José Luis García Pedrosa de CC.OO. presentaba unha pancarta na que se reclamaba "outra saída á crise".
Centos de persoas secundaron a marcha polas rúas de Pontevedra coa presenza destacada de membros da Plataforma de afectados polas preferentes, ademais doutros colectivos rechamantes como o das asociacións de pacientes a favor da Saúde Pública e en contra da privatización da Sanidade.
Á marcha sumáronse tamén os alcaldes nacionalistas de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, ademais do tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro que ía acompañado do deputado socialista Guillermo Meijón.
A manifestación transcorreu, sen incidentes, polo centro de Pontevedra ata finalizar na Praza de España. Os convocantes querían mostrar con esta protesta a desconformidade cos numerosos recortes económicos e sociais que aplican tanto o Goberno autonómico coma o central, a privatización da educación e da sanidade, a reforma da lei hipotecaria, o proxecto de lei sobre o aborto ou a corrupción política.