O 'Portonovo Village' vai tomando forma para poder abrir o 29 de xuño
Por Redacción
Os traballos para a montaxe do 'Portonovo Village', a feira na que se recreará un auténtico pobo mariñeiro en pleno Paseo de Baltar están en marcha. Serán oitenta casetas, fabricadas especialmente para esta cita, as que se instalen. Os postos abrirán ao público o 29 de xuño.
Madeira Arquitectura xa iniciou a complexa montaxe, que contará con pérgolas de madeira e teas a modo de vela de barco, ao longo de toda a simulación do poboado mariñeiro.
A feira incluirá cinco casas fabricadas con imitación a pedra, a tamaño real, con nove metros de longo por catro de fondo e outros catro de alto, ademais de arcos de soportais e balcóns.
O deseño do conxunto estará adaptado á estética mariñeira, coa cor branca e azul das casas de madeira e do paseo, onde haberá postes en cor branca e xanelas tipo "ollo de boi", embelecidas con decoracións de áncoras ou flotadores náuticos.
As redes mariñeiras estenderanse, á súa vez, por todo o paseo no percorrido da feira, e complementaranse con outros elementos decorativos, como unha barca ou unha estatua.
Ademais, instalarase unha iluminación decorativa con 3.000 metros lineais de cable e 6.000 lámpadas repartidas por toda a superficie das pérgolas de sombreo.
A proposta de venda será variada, desde complementos ata artigos téxtiles, aínda que estes sempre terán que responder a un estándar de calidade. En todo caso, quedan excluídos do ámbito os postos de carácter alimentario, tanto comidas como bebidas.