Premio Nacional de Educación para o IES Ramón Cabanillas por un proxecto iniciado co tecido con gancho
Por Redacción
O proxecto 'Tecendo os fíos dos obxectivos de desenvolvemento sostible', impulsado desde o IES Ramón Cabanillas de Cambados, logrou o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer'.
Este premio está promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), adscita ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, en colaboración co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deporte.
A proposta iniciábase cunha actividade colectiva tanto para estudantes como para profesorado que se realizaba en tempos de lecer a través da práctica do tecido con gancho baixo o título "Recreos con gancho".
Despois púxose en marcha "Engánchate á Igualdade, unha actividade á que tamén se sumaban familias con estudantes do centro e dos colexios CEIP de Corvillón e do CEIP bilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Vilariño.
Entre todos elaboraron unha colcha que se instalaba no balcón do Concello de Cambados como símbolo de igualdade durante os actos do 8 de marzo.
Durante estes días traballan coa proposta "Activistas con Gancho" realizando manguitos sensoriais para persoas con alzheimer e participando na campaña mundial "A túa puntada ten un Fío" contra a violencia sexista.
Tamén levou a cabo a primeira Edición do Día Mundial de Tecer en público en Cambados coa participación de alumnado e profesorado dos colexios que participan nestes proxectos, ademais da Asociación das Saiñas de Castrelo, Asociación Con de Xido de Castrelo, Asociación A Seca de Corbillón e Asociación O Batuqueiro de Vilariño.
Todo este proxecto busca a participación activa do alumnado coa sociedade local a través de labores tradicionais ao mesmo tempo que se traballan conceptos como a igualdade de xénero, o consumo responsable ou o respecto polo medio ambiente, entre outros.