Performance para pedir á Dirección Xeral de FP o pago dos custos do Ciclo de Guía no Medio Natural no IES de Poio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Estudantes, profesorado e familias do IES de Poio concentrábanse este martes no centro educativo para pedir á Dirección Xeral de Formación Profesional que asuma o pagamento dos custos do Ciclo Medio de Guía no Medio Natural que se imparte neste instituto.
Os manifestantes, a través de actividades e cancións, denuncian que este ciclo carece dunha partida orzamentaria específica para atender ás necesidades que require a formación neste ensino.
O ciclo precisa, segundo indican desde o IES de Poio, o aluguer de instalacións externas como un recinto de hípica, piscina, paddlesurf, vela, kayak, piragüismo e socorrismo. A estas prácticas hai que sumar o desprazamento do alumnado ás instalacións a diario.
Por outra parte, o material que empregan como neoprenos, cordas de escalada, cascos, arneses ou bicicletas debe ser reposto por seguridade de maneira periódica.
Estes gastos ascenden a 50.000 euros, pero o orzamento que recibe o IES de Poio de maneira anual para todas as propostas formativas se sitúa en 90.000 euros.
Desde o centro indican que o remanente aforrado xa foi consumido. Por este motivo, a situación económica actual é "crítica".
Denuncian que levan desde o inicio do presente curso trasladando informes á Dirección Xeral de FP, xunto a outros tres centros que presentan a mesma situación.
Tras esta presión, a Dirección Xeral de FP mantivo un econtro con representantes dos centros a principios de xuño. As solucións que se propoñen son ofrecer contidos do ciclo a través de lentes de realidade virtual.
Tamén se propuxo ao IES que imparta cursos para a obtención de certificados de profesionalidade que se atopan dentro da familia profesional de actividades físicas e deportivas. Iso suporía uns ingresos para o centro que, segundo expoñen desde o profesorado, non solucionaría o problema do orzamento xa que deberían destinarse ao pagamento das horas extra que realizarían os docentes e ao aluguer para impartir estes cursos.
Desde o centro educativo consideran a proposta unha "solución peregrina". Ante esta situación, o IES de Poio indica que terán que deixar de alugar as instalacións para as actividades do ciclo e o alumnado terá, no vindeiro curso escolar, que realizar todos os módulos profesionais na aula.
Hai que lembrar que entre os módulos que desenvolven se atopan o de guía de baixa e media montaña, guía no medio natural acuático; socorrismo; guía de bicicleta; técnicas de equitación e de natación.
Desde o centro educativo sinalan que este ciclo leva vinte anos impartíndose e reclaman unha solución real por parte da Consellería de Educación.
Protesta de estudantes e profesorado do IES de Poio
Realizaron diferentes actividades para denunciar a delicada situación orzamentaria que vive o instituto
© PontevedraViva