Unha Festa Feminista reivindicará no mercado que "o feminismo é imparable"
Por Natalia Puga
"Para celebrar, para reivindicar e para pasar un rato divertido". Con estes tres obxectivos, o próximo venres 21 de xuño celebrarase no mercado municipal da rúa Serra unha Festa Feminista.
O evento forma parte da campaña ‘Ábrelle a porta ao feminismo’ que o Concello de Pontevedra puxo en marcha en marzo con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Naqueles días foi preciso adiar unha festa posterior á manifestación polo mal tempo e agora retómase.
A cita será a partir das 19.00 horas no mercado municipal da rúa Serra e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentouna este luns insistindo en que con esta festa se busca "celebrar o que somos, que o feminismo é unha loita colectiva".
Gulías lembra que as persoas feministas "temos esa capacidade insuperable de poñernos en pé e superar as adversidades, sendo contundentes, pero tamén cun sorriso nos beizos, para explicarlle a quen queira escoitar que o feminismo é imparable" e con este espírito organízase esta festa.
A celebración contará cun "cartel de luxo". Comeza coa presentación do libro Ansia da guionista e cómica Henar Álvarez e cun faladoiro coa xornalista de Faro de Vigo Carolina Sertal, unha das gañadoras do Premio As Mulleres que Opinan son Perigosas. En opinión da concelleira de Igualdade, a lectura do seu artigo gañador foi "especialmente emocionante" na apertura deste foro feminista este ano.
Henar Álvarez e Carolina Sertal "van falar de feminismo, van falar de experiencias persoais e colectivas" e, a continuación, a festa seguirá coa música a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ, "dúas referentes orgullosas de ocupar un espazo que tamén está tipicamente masculinizado".
Relacionadas:
-
Xornada festiva no Mercado para reivindicar a loita feminista
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- A guionista e cómica Henar Álvarez vén con 'Ansia'
Por Marisa Ciordia |
-
Arranca 'As mulleres que opinan son perigosas', un "espazo de resistencia feminista" que cada ano segue crecendo
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
"Feminismo" como eixo da campaña para o 8M: "É imprescindible para mellorar a sociedade na que vivimos"
Por Almu Dapena |
-
Pontevedra insta este 25N a "chamar as cousas polo seu nome" e erradicar "eufemismos" sobre a violencia machista
Por Alejandro Espiño |