O BNG conmemora os 25 anos de Lores como alcalde de Pontevedra
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O responsable local do BNG, Demetrio Gómez presentou este venres o programa de actividades relacionado cos 25 anos de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra.
Demetrio Gómez lembrou que o 13 de xuño de 1999 "as veciñas e veciños de Pontevedra decidiron cambiar o rumbo desta cidade" e o BNG ten intención de celebrar "o momento en que Pontevedra comeza a pasar de ser unha cidade gris provinciana a ser este referente internacional no que estamos hoxe convertidos".
"Somos un referente en calidad de vida", destacou Demetrio Gómez, repetindo o que dixo hai uns días o alcalde de que "Pontevedra cambiou mais nestes 25 anos que moitas outras cidades, ou que a inmensa mayoría das cidades, en 50".
Co lema de "25 anos, construindo o futuro" o Bloque presentará o vindeiro mercores 12 de xuño, ás 20 horas, no Pazo de Mugartegui o libro "Unhas pinceladas sobre Lores". Un acto aberto a toda a cidadanía que consistirá nunha conversa entre a xornalista Ana Cabaleiro e os autores deste libro: María Núñez e César Mosquera.
Posteriormente, na semana que comeza o 17 de xuño, "imos ir publicando tres vídeos nas redes sociais con reflexións de persoas mozas que este ano cumpren 25 anos sobre como vén eles e elas a Pontevedra do presente e que aspiran para a Pontevedra do futuro".
E o sábado 22 de xuño, ás 20 horas, no Teatro Principal haberá un acto político de celebración deste aniversario no que estarán o alcalde e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
"Serán unhas celebracións sinxelas nas que convidamos a participar a todas as veciñas e veciños de Pontevedra", dixo Demetrio Gómez.