Participantes da volta a nado á illa de Tambo gozarán dunha visita guiada previa con degustación de mexillóns
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A organización da Volta a nado Illa de Tambo anuncia a celebración dunha visita guiada exclusiva a este espazo natural para todas aquelas persoas participantes na proba e acompañantes.
A visita, de tres horas de duración, está prevista para o sábado 27 de xullo, día previo á competición. A proposta promove así a difusión, por parte de guías especializados, da historia e patrimonio natural, histórico e cultural deste espazo significativo da ría de Pontevedra.
Observarán os restos da capela de San Miguel, o antigo lazareto, o faro de Tenlo Chico ou a polvoreira militar, entre outros puntos de interese. Ademais, os participantes gozarán dun paseo en catamarán pola ría con parada nunha batea de mexillóns, onde coñecerán o proceso de cultivo con degustación.
Quen desexe participar deberá inscribirse previamente antes do 26 de xullo na web de Volta a nado Illa de Tambo. Nesta mesma páxina permanecerá aberto o prazo para apuntarse á proba ata o 23 de xullo.
A organización agarda arredor de 200 nadadores da península para realizar os percorridos de 6 km, 4,5 e 1 km durante a xornada do domingo 28, día da competición
A saída e chegada das tres probas establécese na Praza da Chousa de Combarro.