As patoloxías infantís e a nutrición centran a sétima xornada provincial de enfermidades inflamatorias intestinais
Por Redacción
O Pazo da Cultura acolle o vindeiro sábado 8 de xuño a sétima xornada provincial de enfermidades inflamatorias intestinais (Crohn e colite ulcerosa), dirixida a pacientes, coidadores e profesionais, e aberta tamén -se quedan prazas- a familiares, estudantes e persoas interesadas.
É unha xornada informativa e formativa, declarada de interese científico-sanitario pola Consellería de Sanidade.
A xornada está organizada por ASSEII- Asociación socio sanitaria enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados e conta coa colaboración, entre outros, do Concello de Pontevedra.
A presidenta e vicepresidente de ASSEII, Ánxela Paz García e Víctor Loira, acompañados pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentaron a sétima edición desta xornada, convertida nunha cita anual obrigada para coñecer os avances na investigación e a actualidade das enfermidades inflamatorias intestinais.
Enfermidades inflamatorias en pediatría, alimentación, protocolos de urxencias sanitarias e enfermidade crónica e de atención domiciliaria para alumnado con EII, investigación xenética e a cronicidade da enfermidade inflamatoria intestinal son os temas que se abordarán nunha intensa sesión de traballo que se estenderá de 9.30 a 13.45 horas.
Distintos especialistas falarán dos últimos avances en investigación, das pautas máis acaídas de coidados e do que supón convivir cunha enfermidade crónica con derivadas físicas, mentais e sociais. Entre os relatores atópase Roberto Díaz Peña, doutor en Bioquímica e investigador do Grupo de Xenómica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) que lidera Ángel Carracedo.
Nos últimos anos detectouse un aumento do número de casos de EII e cada vez en idades máis temperás.
O Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) fai o seguimento a arredor de 1.700 pacientes, dos que un 60% son enfermos de Chron e o 40% de colite ulcerosa. Cada ano diagnostica unha media de 120 novos casos de EII e 1 de cada dez son en menores de 15 anos.