O antigo pavimento da Rúa da Santiña, anterior ao século XVIII, reaparece coas obras de reforma
Por Alejandro Espiño
As obras de reforma da Rúa da Santiña seguen a deixar visible parte da historia da cidade. Tras aparecer un antigo lavadoiro do século XIX, desta vez os operarios deixaron ao descuberto parte do antigo pavimento da calzada, que segundo os técnicos sería anterior ao século XVIII.
"Está como un metro vinte por debaixo da cota actual. Hai restos de panos, un enlousado bastante regular", explicou o edil responsable da área de obras urbanas, César Mosquera, que indicou que a calzada apareceu no tramo máis rural da rúa.
Mosquera subliñou que o pavimento "está nunha situación moi irregular, dependendo do espazo onde se atope", xa que segundo indicou "nalgúns sitios está medio ben, pero noutros está destrozado", polo que se descartou a súa conservación.
Baixar a cota da calzada preto de 1,20 metros, trasladou o concelleiro, "sería deixar as entradas das fincas e das casas totalmente descolgadas", polo que de acordo cos técnicos de Patrimonio acordouse documentar o achado e que a obra siga co seu curso normal.
O responsable municipal considera que "é imposible" recuperar este pavimento.
En canto ao lavadoiro, os técnicos da Xunta de Galicia solicitaron un proxecto para a súa posta en valor e recuperación, ao estar nun estado "relativamente bo". Entenden que podería ser un atractivo para a ruta de peregrinación a Santiago que pasa pola zona.