Os comuneiros de Mourente renuncian a cortar madeira e apostan por crear un "bosque protector"
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
A Comunidade de Montes de Mourente anuncia unha profunda revisión da planificación do seu monte veciñal, segundo o aprobado na súa última asemblea.
Os comuneiros decidiron renunciar á curta de madeira como vía de financiamento, apostando por converter os seus terreos nun "bosque protector", cuxa principal misión será a loita contra os incendios forestais e a protección dos mananciais de auga.
Unha das primeiras medidas levada xa a cabo foi a talla de todos os eucaliptos e parte dos piñeiros que se atopaban nos terreos comunais, que serán substituídos proximamente por plantacións de especies frondosas autóctonas, dun crecemento máis longo e menor valor comercial.
Esta decisión supoñerá a renuncia aos ingresos que proporcionaba a madeira, pero para compensalo a entidade confía "en que a colaboración das administracións públicas poida prover os recursos necesarios", sinala nun comunicado en referencia entre outros aspectos aos convenios pola cesión de terreos para o Hospotal de Montecelo ou o centro de Príncipe Felipe.
"A revisión en proceso terá como fin a potenciación dun modelo sustentable presidido pola protección da natureza. A nova planificación priorizará os servicios ecosistémicos: conservación da biodiversidade, retención do CO2, protección dos mananciais de auga, conservación do solo e fomento dos servizos culturais", explica a Comunidade de Montes de Mourente.
Entre as especies que está previsto plantar no monte comunal destacan "o carballo e o castiñeiro, que aumentarán así a súa presenza no monte veciñal da parroquia. Outras especies que tamén se plantarán, inda que en menor medida, serán o bidueiro, o arce, a sobreira, o loureiro, a cerdeira brava ou o freixo".