Pillado pola Policía con 26 gramos de cocaína para celebrar o seu aniversario
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo un home de 60 anos que portaba ata 26 gramos de cocaína, droga que, segundo el mesmo recoñeceu ante os axentes conseguíraa para celebrar o seu aniversario ao día seguinte.
Os feitos ocorreron ás 05:40 horas da madrugada do pasado domingo 26 de maio na rúa Juan Manuel Pintos, onde interceptaron a esta persoa despois de que fixese un xiro prohibido co seu coche.
Tras identificalo, os axentes constataron ademais que o vehículo tiña a ITV caducada e unha luz de freo fundida.
O condutor, segundo informa a Policía Local, presentaba signos de inxerir algunha substancia, o que se confirmou na proba de alcoholemia, na que tivo un resultado positivo de 0,83 miligramos de alcol por litro de aire expirado. Tamén deu positivo en cocaína.
No momento no que lle solicitaron a documentación, o individuo mostrou unha carteira na que tiña 58,50 euros e 25 envoltorios coa cocaína.
A Policía Local acabou deténdoo por delitos contra a saúde pública e contra a seguridade viaria.