A Feira de produtos ecolóxicos Ecological Galicia regresa en agosto a Cambados
Por Redacción
Cambados acollerá durante o mes de agosto a segunda edición de Ecological Galicia, que está considerada a feira de produto ecolóxico máis grande que se desenvolve en Galicia. A organización deste evento instalará, entre os días 7 e 10 de agosto, numerosos postos con produtos ecolóxicos de primeira calidade no Paseo da Calzada. Ademais poñeranse en marcha actividades para nenos e adultos.
O principal obxectivo desta feira é facilitar a comercialización dos produtos ecolóxicos destacando os seus beneficios. Dende a organización preténdese aumentar a participación do consumidor despois do éxito durante 2013, incluíndo catas profesionais e visitas a explotacións ecolóxicas coa finalidade de que esta cita se converta nun referente para toda a zona noroeste peninsular.
O Concello de Cambados apoia a organización desta feira ante a importancia que ten para a bisbarra a produción hortícola e a industria conserveira. Por este motivo, o Concello e a empresa organizadora pretenden crear un proxecto de futuro que impulse o potencial galego en industria agroecolóxica e mariña, coa intención de promovela internacionalmente.