Un ano e medio de cárcere por vender 0,4 gramos de cocaína por 5 euros en Marín
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Unha muller deberá cumprir un ano e medio de prisión por traficar con droga en Marín. En concreto, declarouse probado que vendeu 0,399 gramos de cocaína a cambio de 5 euros.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra considéraa autora dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de substancia que causa grave dano á saúde.
A sentenza condenatoria considera probado que a acusada cometeu o delito o 16 de febreiro de 2022 na Rúa da Ponte de Marín. Entregou a un home un pequeno envoltorio con eses 0,399 gramos de cocaína, cunha riqueza do 66,84 %. Breves instantes despois, axentes da Policía Nacional ocuparon ao comprador a substancia e á acusada, o diñeiro procedente da súa ilícita actividade.
O prezo medio no mercado ilícito da substancia transmitida ascende a 34,95 euros, aínda que ela vendeuna por cinco.
A muller, natural de Brasil e veciña de Pontevedra, foi xulgada os días 26 de marzo e 9 de abril na Audiencia de Pontevedra e a Fiscalía pedía para ela tres anos de prisión, pero finalmente o tribunal impúxolle a metade.