A reforma da Rúa da Santiña 'saca á luz' un lavadoiro de finais do século XIX
Por Alejandro Espiño
Apenas un mes despois de iniciarse as obras, a reforma integral da Rúa da Santiña deu unha "grata sorpresa" desde o punto de vista patrimonial. No tramo máis rural da rúa, a uns 50 metros do seu final, apareceron os restos dun lavadoiro de finais do século XIX.
Este achado, que está a ser examinado polos técnicos de patrimonio histórico do Concello, non supoñerá un impedimento para poder continuar os traballos de reforma previstos, segundo o edil responsable da área de obras urbanas, César Mosquera.
O lavadoiro reapareceu á beira da coñecida como "Fonte da Santiña", que xa estaba escavada por baixo da cota da estrada. Trátase dunha estrutura de pedra con laxas colocadas en paralelo, que actuarían como os postos de lavado.
"Atópase en moi bo estado de conservación", destacou Mosquera, que indicou que este lavadoiro estaría datado "máis ou menos" entre 1890 e 1902, "xa que aparece nas fotos de Zagala", o fotógrafo que máis retratou a Pontevedra daquela época.
Pendente de coñecer o ditame da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, o goberno municipal sostén que "está claro" que este lavadoiro ten valor patrimonial, polo que entenden, explicou o concelleiro do BNG, que "estaría ben deixalo e conservalo".
A aparición do lavadoiro produciuse, en concreto, coa apertura das gabias que se están escavando para a renovación das redes de saneamento, abastecemento e iluminación desta rúa. Este equipamento estaba totalmente soterrado desde hai décadas.
Na reforma da Rúa da Santiña, o Concello de Pontevedra está a investir 1,81 millóns de euros. As obras, que executa a empresa Civis Global, fináncianse con cargo dos fondos europeos Next Generation destinados ao impulso das zonas de baixas emisións.
Relacionadas:
-
O antigo pavimento da Rúa da Santiña, anterior ao século XVIII, reaparece coas obras de reforma
Por Alejandro Espiño |
-
O Camiño de Santiago, con percorrido provisional en Pontevedra polas obras da Santiña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Rúa da Santiña, en obras a partir do luns 29 de abril e durante un ano
Por Alejandro Espiño |