![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/96e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6650b29d8d-ampliacion-rede-saneamento-e-abastecemento-combarro.jpeg)
© Concello de Poio
A reforma da PO-308 incluirá a reposición do saneamento na avenida da Cruz, en Combarro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Poio aprobou esta semana unha modificación ao proxecto da renovación de servizos na PO-308, entre Fontenla e Combarro, para incluír tamén a reposición da rede de abastecemento e saneamento de auga na avenida da Cruz.
O alcalde, Ángel Moldes visitou este venres o lugar acompañado do xefe provincial do Servizo de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Manuel Ángel González Juanatey, para coordinar os traballos.
Segundo manifestou o alcalde "para o goberno era unha preocupación que este tramo quedase incompleto, xa que esta zona sufriu inundacións en varias ocasións, provocando danos en casas e garaxes, e por iso era prioritario ofrecer unha solución á veciñanza".
Trátase dun modificado ao proxecto inicial, que data de 2022 e que prevía a actuación entre os puntos quilométricos 3+600 e 5+250, pero que excluía a reposición neste lugar (puntos quilométricos 3+600 a 5+330 aproximadamente). Esta ampliación da rede supón un investimento de case 30.000 euros, de xeito que o orzamento final de toda a obra ascenderá a 173.005,79 euros.
Este modificado contempla a conexión destes servizos básicos nun punto máis lóxico, como é o inicio das beirarrúas do núcleo urbano de Combarro, substituíndo deste modo un tramo deteriorado e que é obxecto de continuas roturas e avarías.
Ademais, contempla tamén unha pequena mellora nas conexións do saneamento separativo no punto quilométrico 4+440 da PO-308.