Alumnado da Facultade de Comunicación e do CIFP Carlos Oroza deseñan unha campaña sobre a violencia machista
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/24f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664e09a562-img_8408.jpg)
© Subdelegación do Goberno
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/d99/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/664e0a003a-pocomunicacionoroza3.jpg)
© Universidade de Vigo
Unha vintena de estudantes da Facultade de Comunicación traballaron nos últimos meses de 2023 no deseño dunha serie de campañas publicitarias que tiñan como obxectivo concienciar e axudar a identificar as diferentes manifestacións da violencia machista que poden darse en locais de ocio.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra na que un grupo de alumnos do Máster en Dirección de Arte en Publicidade traballou conxuntamente co estudantado do CIFP Carlos Oroza.
Este mércores tivo lugar o acto de entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa, no que puideron coñecerse tamén as propostas deseñadas para diferentes públicos obxectivos.
O alumnado desenvolveu unha serie de materiais dirixidos á mocidade, a responsables de locais de hostalería, a futuros profesionais do sector, a persoas maiores de 65 anos e ao público masculino en xeral.
O acto deste mércores serviu tanto para amosar os resultados finais do seu traballo como para abordar a posibilidade de levar a cabo algunha destas campañas. Alén disto, as diferentes institucións implicadas amosaron tamén a súa vontade de dar continuidade a esta iniciativa.
De feito, para o vindeiro curso tratarase de integrar na convocatoria de proxectos de ApS da Universidade, así como implicar tamén ao alumnado do Máster en Comunicación en Medios Sociais no deseño do plan de medios dixital para as campañas.