Pontevedra sumarase ás 'Marchas da Dignidade' do vindeiro 22 de marzo en Madrid
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A 'Marcha da Dignidade' chegará a Madrid en oito columnas o vindeiro 22 de marzo coa intención de "derrubar" o Goberno de Mariano Rajoy e as políticas da 'Troica'.
Coa intención de promocionar esta iniciativa, que terá participación pontevedresa, a Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade convoca unha manifestación para o vindeiro mércores, 26 de febreiro, ás 20.00 horas na Praza da Peregrina.
A manifestación ten por obxectivo apoiar na cidade de Pontevedra a proposta das 'Marchas da Dignidade' do 22 de marzo.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns, o secretario comarcal da CGT, Miguel Cuña e o responsable na comarca do Morrazo do sindicato CUT, Francisco Currás, explicaron que as Marchas pola Dignidade son unha iniciativa de distintos sindicatos, organizacións sociais e políticas "para encher Madrid nunha gran mobilización" facendo converxer todas as protestas que se dan en todos o territorios do Estado, "esixindo o fin dos recortes nos servizos públicos e en dereitos sociais, e o expolio á clase traballadora que está a impor o actual réxime que está a gobernar en contra do pobo".
Para esta mobilización en Madrid a Plataforma Galega está a negociar a contratación dun tren a un prezo asequible. Para organizarse invitan ás persoas interesadas a unha asamblea aberta o xoves 27 de febreiro, as 20.30 horas, no salón de actos do edificio de sindicatos de Pontevedra.
"Estamos convencidos de que a loita e a mobilización permanente son o único camiño", dixeron estes voceiros "e un paso máis para que o pobo se organice contra o roubo perpetuado polas élites".