Carnaby, a referencia en moda urbana e deseños retro, está de aniversario
"Imaxina resumir 22 anos de historias nunhas cantas liñas: é como meter un elefante nunha caixa de zapatos. Na miña cabeza amoréanse moitas anécdotas e vivencias: boas, malas e regulares... e das que non me acordo!! Pero se hai algo que queda por enriba de todo o demais é o agarimo e o agradecemento. Grazas a todas e todos os que fostes parte desta incrible travesía, dende os clientes máis fieis ata os novos exploradores do diferente".
Estas palabras de Inma Ferro representan o sentir desta empresaria que un 17 de maio de 2002: "aventureime no mundo do pequeno comercio con Carnaby, na zona vella de Pontevedra".
Entre cliente e cliente, aproveitamos para coñecer coa propietaria de Carnaby algo máis desta "incrible travesía", dende o primeiro local da rúa Isabel II ata a actual tenda en Manuel Quiroga, 13.
– Como foron os comezos de Carnaby?
Con moita ilusión e ganas de achegar un comercio alternativo ao meu barrio.
Carnaby naceu cunha estética moi marcada, chea de cor e patróns especiais, con marcas asociadas á estética retro, e cun lugar importante reservado para a música e a cultura pop.
– En 22 anos, que momentos lembras con agarimo ou cales foron un reto?
Momentos con agarimo moitos; ao principio a xente asomábase á porta e preguntábame se viña de fóra; que o estilo da tenda non podía ser de alguén de Pontevedra (isto facíame moita graza, xa que eu nacín no casco vello).
De feito o primeiro reto foi abrir na zona vella: rodeada de bares e afastada da zona comercial, e logo os retos non son moi distintos dos das demais tendas de barrio: ser autónoma, nai e abrir a porta 6 días á semana, con choiva, sol, crise ou con máscara...
– Carnaby defínese por ofrecer "unha experiencia de compra única", pódesnos concretar que compón esta experiencia?
Para min ofrecer unha experiencia de compra única é escoitar ao cliente e ofrecerlle o máis adecuado, aconsellarlle sobre a roupa que mellor lle senta, animarlle a probar patróns novos, a sentirse ben co que leva posto...
Unha cousa que nos soen comentar os clientes é que sempre acertamos coas recomendacións que facemos para os agasallos ;-)
– Moda urbana e deseños retro apostando por pezas sostibles son os sinais distintivos da tenda. Que produtos ofrecedes nesta liña?
Pasaron 22 anos, os tempos cambiaron e nós con eles. Agora mesmo a metade das pezas que temos en tenda son sostibles, con marcas responsables que apostan por unha produción ética. Podes atopar pezas feitas con Tencel (polpa de madeira), algodón orgánico (certificado) ou Lenzing ecovero (fonte sostible de madeira).
E á parte de moda, apostamos pola música en vinilo e merchandising divertido.
– Cal é o tipo de cliente que chega a Carnaby?
Os nosos clientes son variados: hai quen entra sorprendido por que lle chama a atención a tenda, o que busca boa música, a que busca roupa diferente e de calidade, o que quere algunha peza clásica de Fred Perry, Merc, Ben Sherman...
Temos clientes de Pontevedra que veñen cada semana e clientes de fóra que visitan Pontevedra unha vez ao ano e veñen comprar na nosa tenda.
Temos tamén clientes de todas as idades, e claro, durante estes anos xa tiven clientes que empezaron a vir de pequenas/os coas súas nais, clientes que viñeron de mozos e agora son pais, e algúns pais que xa son avós ;-) e é que 22 anos no barrio dan para moito...
– Sorprendeuvos algunha petición en particular?
(JAJAJA) A ver... traballei moito para músicos, así que tiven encargos moi divertidos. Un dos clientes que máis lembramos foi un mozo vasco que veu para facerse un traxe (cando facía xastrería de cabaleiro a medida): chegou de Bilbao pola mañá a tomarse as medidas, elixiu as teas e en canto acabamos colleu de novo o coche para facer a viaxe de volta!!
1300 quilómetros en coche para facerse un traxe en Carnaby!!
Pero quedou encantado e volveu máis veces, iso si, as seguintes con máis tempo.
– De cara ao futuro, seguirá a tendencia retro en Carnaby coa fusión de cultura, arte, música e moda?
Sen dúbida: quero pensar que as claves de manterse durante todo este tempo son a franqueza e a coherencia, e para manterse no futuro non debemos perder a nosa esencia.
Ademais, xa sabes, o estilo nunca pasa de moda ;-) e se vai acompañado de boa música, a combinación ideal.