O voluntariado implícase na recuperación das dunas grovenses de Area da Cruz
Por Oskar Viéitez
Afundación desenvolveu este venres na praia de Area da Cruz, no Grove, unha nova acción de voluntariado ambiental no marco do proxecto Plancton, o plan de conservación territorial impulsado pola Obra Social de Abanca.
Nesta ocasión, as tarefas desenvolvéronse no espazo dunar, un ecosistema natural de alto interese ambiental no que o lixo mariño e a proliferación de flora exótica invasora, ademais do tránsito de persoas, ameazan a vexetación autóctona.
Este venres pola tarde, en colaboración co Servizo de Patrimonio Natural, as persoas voluntarias retiraron residuos mariños e distintas especies de flora exótica invasora que proliferan nesta contorna.
Extraeron fundamentalmente herba do coitelo (Carpobrotus edulis); margaridas de orixe africana, Arctotheca calendula e Gazania rigens; allo bravo, Allium triquetrum; e a glicina chinesa Wisteria sinensis, unha planta trepadora que se está estendendo de forma invasiva pola duna, cun comportamento rastreiro, pouco habitual nesta especie.
Nos días previos, o equipo do Servizo de Patrimonio Natural realizou os traballos complementarios de valado perimetral desta zona da duna, co fin de favorecer a recuperación da vexetación dunar, evitando o paso continuo de visitantes e usuarios da praia e protexendo deste xeito as especies autóctonas.
Entre o lixo mariño atopado na xornada de voluntariado, destacan especialmente máis de 100 bastoncillos dos oídos, máis dun centenar de escarvadentes de batea, distintos residuos plásticos de diversos tamaños, escarvadentes de chupachups, envases plásticos, botellas e outros obxectos que se atopan habitualmente nestas limpezas como nasas ou madeiras tratadas con cravos.
A actividade contou tamén coa colaboración do Concello do Grove, que ademais de informar e fomentar a participación da veciñanza, encargouse de xestionar os residuos recolleitos, tanto o lixo como as plantas exóticas invasoras retiradas.
Tras a xornada de hoxe, no marco deste plan de conservación territorial impulsado por Afundación retiráronse xa dos fondos e costas de Galicia máis de 68 toneladas de lixo mariño e máis de dúas toneladas de especies exóticas invasoras.