Poio estuda a implantación dunha liña de transporte público entre as súas parroquias
Por Redacción
O goberno local de Poio estuda a posibilidade de implantar unha liña de transporte público municipal para facilitar a mobilidad entre as zonas rurais e urbanas.
Así o avanzou o alcalde, Ángel Moldes, para quen esta medida "permitirá dar resposta a unha demanda histórica no noso municipio, potenciando a mobilidade e os desprazamentos internos".
Esta proposta de transporte cubriría as zonas interiores de Poio para vertebrar e comunicar toda as parroquias.
Para coñecer a demanda de itinerarios posibles, frecuencias e horarios, o goberno municipal avanza que convocará a representantes de diversos colectivos para coñecer a súa opinión.
"Queremos escoitar de primeira man cales son as prioridades, que lugares son os que teñen máis necesidade e cales son os horarios que mellor resultarían para comezar a implantar pouco a pouco itinerarios", explica Moldes.
O obxectivo é poder incluír este novo transporte público no Servizo de Interese Municipal (SIMU) da Xunta de Galicia, o que permitiría que os viaxeiros se beneficiasen das bonificiacións do transporte metropolitano ou as destinadas á xente nova e a maiores de 65 anos.