Petete achega a teoría do Colón galego aos escolares de Poio
Por Oskar Viéitez
O pregoeiro do Día de Colón, Ramón Pedras 'Petete', está a percorrer esta semana os colexios de Poio para achegar ao alumnado a teoría do Colón galego ao tempo que pon en valor a festa medieval que se celebra en Combarro os días 10 e 11 de maio.
Nestas charlas Petete incide na historia de Combarro, na orixe do Bosque de Colón, así como nos documentos medievais que relacionan a Cristóbal Colón con Poio, tamén fai referencia á toponimia "que ten unha curiosa coincidencia" entre varios enclaves do municipio e que Colón reflectiu en puntos do novo mundo.
Ademais, nestas intervencións nos colexios o alumnado compara os escudos de Poio e Porto Rico, o máis antigo de América, e que presentan os mesmos debuxos. Toda esta información que, como lles explica Petete, pódese atopar na Casa Museo de Colón de Poio, que está situada en Portosanto.
Petete foi unha das persoas que impulsaron a celebración do Día de Colón en Combarro. Nestas visitas aos colexios está sendo acompañado por representantes das asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas.
Ademáis, fixo entrega de cómics e libros sobre a teoría do Colón galego para as bibliotecas de cada centro escolar.
Por outra banda, xa comezaron tamén os ensaios de bailes medievais no salón da Comunidade de Montes de Combarro, con grande afluencia de participantes. Son bailes sinxelos, para todas as idades, que convidan a retroceder no tempo e que se porán en escena o propio sábado, día 11.
O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas os días 10 e 11 de maio e impregnar Combarro do espírito de Colón.
Á espera de presentar a programación da décima edición nos vindeiros días, que incorporará algunhas novidades con respecto á que estaba prevista en outubro, xa se pode confirmar que incluirá mercado artesanal, talleres demostrativos, tiro con arco, zonas de xogo e animación infantís e música e trucos itinerantes polas rúas.
Relacionadas:
-
Combarro viaxa ao seu pasado medieval para celebrar a xesta do seu veciño Colón
Por Cristina Saiz |
-
Combarro vístese de medieval para celebrar o Día de Colón
Por Redacción |
-
O martes 14 ábrese o prazo de inscrición para as ludotecas gratuítas de verán
Por Redacción |
-
O Día de Colón, a festa que reivindica a orixe poiense do navegante
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ramón Pedras, 'Petete', cumpre a súa promesa co Día de Colón e será o pregoeiro da décima edición
Por Redacción |