Unha semana chea de actividades para celebrar a especialización do campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Este luns botou a andar a Semana da Creatividade 2024, un conxunto de actividades que teñen como eixe central a inventiva, imaxinación, enxeño, inspiración e "que reflicten a realidade do proxecto de especialización" Crea, "un dos motores que dan visibilidade ao campus de Pontevedra".
Deste xeito presentaba a vicerreitora Eva María Lantarón o conxunto de conferencias, seminarios e obradoiros, abertos ao público, que entre este luns e venres se desenvolverán en diferentes facultades.
"Temos actividades tan dispares como conferencias que abordan desde o impacto da intelixencia artificial nos labores creativos, aos procesos de invención de linguas, pasando polo deseño de carteis para o mundo audiovisual ou mesmo as conexión entre arqueoloxía e videoxogos e o mundo da moda e o deporte", salientou Lantarón no acto inaugural desta programación.
Esta iniciativa está promovida polo Campus Crea, co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e da Deputación de Pontevedra cuxo vicepresidente, Rafa Domínguez destacou que esta programación traerá a Pontevedra "persoas expertas en temáticas moi variadas e interesantes". Coa presenza tamén do concelleiro Alberto Oubiña, o acto completouse coa intervención da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, quen lembrou que "todas son actividades abertas á sociedade".
IV PREMIOS CREA
Este acto serviu tamén para presentar os IV Premios CREA–Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer "accións destacadas no ámbito da creatividade e a innovación que impliquen a membros da comunidade universitaria de diferentes eidos de coñecemento e que axuden a consolidar o campus de Pontevedra como un referente en temáticas relacionadas coa creatividade e a innovación", segundo recolle a súa convocatoria.