En marcha as obras na Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Por Redacción
As actuacións para acondicionar as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, tal e como anunciou a Deputación de Pontevedra, darán comezo este luns.
As obras que se levarán a cabo consistirán na rehabilitación e reforzo da estrutura da casona e da mellora do acceso ao laboratorio de fitopatoloxía, unhas reformas que levaban xa anos sendo demandadas e nas que o Goberno investirá preto de 130.000 euros.
Segundo indicaron, a casona está insuficientemente illada e amosa danos e incidencias nos elementos estruturais da fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior, o que impide garantir os niveis adecuados de seguridade, habitabilidade e salubridade para o desenvolvemento das actividades.
Deste xeito, a través da actuación na que se investirán 40.000 euros, vanse acometer as actuacións dirixidas á substitución dos elementos estruturais que presentan danos e patoloxías e emendar os danos producidos polas filtracións, impermeabilizando as fachadas este e sur da súa primeira planta.
No caso do laboratorio de fitopatoloxía, o investimento ascende a 90.000 euros e permitirá substituír un dos núcleos de escaleiras de acceso á primeira planta, que presenta deficiencias. Tamén se realizarán reparacións estruturais diversas no voladizo e piar, substituiranse os cortaventos de acceso e adecuarase o espazo baixo a nova escaleira para almacén.