O alumnado do Vidal Portela aprende nas Ruínas de San Domingos como se restaura o patrimonio
Por Redacción
Alumnado do colexio CEIP Manuel Vidal Portela puido coñecer este mércores de primeira man os traballos de restauración do emblemático cruceiro das Ruínas de Santo Domingo de Pontevedra, que comezaron esta semana.
Ata as ruínas achegáronse estudantes do segundo curso de educación primaria que, desta maneira, puideron coñecer os procesos involucrados na conservación do patrimonio e adquirir coñecementos prácticos e conciencia sobre a importancia de manter vivas as raíces históricas para as xeracións futuras.
Durante a súa visita, estiveron acompañados polo restaurador Óscar Taboada Romero, traballador do Museo de Pontevedra, que lles falou do proceso de restauración deste cruceiro, unha das pezas máis importantes e de considerable valor artístico das Ruínas de San Domingos.
Trátase dun cruceiro gótico que consta de cruz, capital, varal e pedestal ou dado e que se acha nun dos laterais do xardín que rodea as ruínas.
É un dos escasos cruceiros góticos que se conservan na actualidade en Galicia e sufriu importantes danos debido ao transcurso do tempo, polo que levará a cabo a súa limpeza e eliminación de depósitos de aves e plantas, ademais dun tratamento preventivo para evitar danos no seu material pétreo.