Alertan sobre problemas de seguridade viaria no cruce da Vichona
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo requirirá informes técnicos á Policía Local sobre a seguridade na estrada PO-504, concretamente no coñecido como ‘Cruce da Vichona’, onde recentemente a Xunta de Galicia, dentro do proxecto de reforma desta vía, habilitou unha rotonda e varios semáforos.
Os nacionalistas solicitarán estes documentos logo de que varios veciños da parroquia da Adina lles trasladasen a súa preocupación pola perigosidade que aínda existe neste punto, no que xa se teñen rexistrado varios accidentes de gravidade unha vez rematada a reforma.
O voceiro do BNG en Sanxenxo, Fran Leiro, sinala que "moita xente, especialmente persoas de fóra ou que non transitan de xeito habitual por esta estrada, teñen dificultades para interpretar o cruce debidamente".
Engade Leiro que esta situación agrávase debido á falta de pasos de peóns nas saídas da Adina e de Dadín.
Ademáis "os vehículos que veñen desde Gondar atópanse co paso de peóns moito antes do semáforo, polo que, cando este está en verde, en moitas ocasións non baixan a velocidade", advirte Fran Leiro.
Para os condutores o cruce tamén xera problemas, especialmente realizando o acceso á vía principal desde Dadín. "Cando non funcionan os semáforos, situación que xa se ten producido nas últimas semanas, os vehículos vense na obriga de incorporarse á estrada practicamente a cegas".
Outro motivo de preocupación ten que ver coa falta de visibilidade que existe na zona, provocada polo estacionamento de autobuses nas inmediacións dos establecementos e hoteis que existen na zona, apunta o concelleiro nacionalista.