A Festa do Mar de Vilaboa triplica a petición de produto ante a alta afluencia prevista
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tres serán os restaurantes que este ano serán os encargados das degustacións gastronómicas da nova edición da Festa do Mar de Vilaboa, que se celebrará os días 13 e 14 e abril no adro de San Adrián de Cobres.
A Garboa, A Casa de Rosa de Mazaroca e Aurelia poranse aos fogóns para preparar as tapas de mexillón a 3,5 euros, os chocos a cinco euros e a ameixa, tanto a xapónica como a cornicha, que estarán dispoñibles a un prezo de seis euros.
Todos eles estarán preparados en distintas elaboracións: en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira.
Este ano, como novidade, haberá stand cafetería da man do bar Chancho e repetirá tamén o posto de sobremesas para completar o menú cos doces de panadería e pastelería Os Laranxos.
Os tres restaurantes triplicaron a petición de produto á confraría de Vilaboa con respecto á edición do ano pasado, na que a afluencia de comensais esgotou as racións elaboradas, impedindo atender a alta demanda concentrada na carpa.
Xunto aos produtos do mar compartirán protagonismo e promoción os viños da IXP Ribeiras do Morrazo das adegas Os Areeiros e Ardán.
A comisión organizadora, na que ademáis do Concello están as mariscadoras, mariñeiros e bateeiras, será a que realice a cata das elaboracións dos restaurantes participantes, con premios para a innovación, o sabor e a presentación.