Abre ao público o primeiro Museo de Arqueoloxía de Ons
Por Oskar Viéitez
Este luns abriu ao público a nova sala de arqueoloxía do Centro de Interpretación de Ons, o primeiro museo dedicado a poñer en valor e divulgar os principais restos patrimoniais, arqueolóxicos e etnográficos atopados na illa no marco das escavacións realizadas nos últimos anos.
Os traballos arqueolóxicos executados polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández, fixeron posible reconstruír parte da historia do arquipélago e do modo de vida e costumes dos seus primeiros habitantes.
A través dos achados que se expoñen agora nesta exposición, gratuíta e permanente, sabemos que os antigos poboadores de Ons mantiveron relacións económico-comerciais con territorios máis afastados, que comían en vaixela elaborada no norte de África ou que a illa foi un importante complexo industrial romano de salgaduras de peixe e de elaboración de tintura púrpura.
Unha das primeiras accións realizouse na praia de Canexol, onde o equipo de arqueólogos ao cargo da escavación identificou un vertedoiro con cunchas de múrices, un molusco que se usaba antigamente para producir tintura de cor púrpura.
Trátase dun descubrimento de gran importancia xa que o de Ons é o primeiro taller deste produto documentado en toda a Península Ibérica, motivo polo que se decidiu denominar vía dos Múrices á ruta que percorre os principais puntos de interese arqueolóxico e arquitectónico existentes ao longo da illa.
Esta senda, que precisamente acaba de ser acondicionada pola Xunta coa colocación de novos paneis informativos e información en liña dispoñible a través de códigos QR, propón un percorrido de 5,5 quilómetros que permite coñecer o sartego da Laxe do Crego, unha sepultura escavada na rocha da época alto-medieval, a fábrica de salga romana de Canexol que producía salsas e peixe en salga, o castro do Castelo dos Mouros no que vivían na época romana as persoas que traballaban na fábrica ou as dúas baterías defensivas que protexían a entrada á ría de Pontevedra na Guerra da Independencia.
As persoas que visiten Ons estes días xa van poder atopar e coñecer os últimos avances sobre a investigación ao redor da antiga ocupación desta illa, tanto a través da ruta peonil dos Múrices como da visita á nova sala de arqueoloxía localizada no centro de interpretación.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, inaugurou esta exposición acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e do director conservador do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández.
Ángeles Vázquez asegurou que aínda queda traballo por facer e cousas que descubrir sobre a historia de Ons, polo que anunciou que a partir do día 22 de abril se programarán novas escavacións do equipo de arqueólogos dirixido por Adolfo Fernández.
As actuacións executadas no centro de interpretación, tal e como explicou, supuxeron un investimento por parte da Xunta de preto 100.000 euros, e ademais de habilitar a nova sala de arqueoloxía tamén permitiron acometer unha serie de melloras e adaptacións no edificio.
Esta Semana Santa é un dos períodos de tempada alta previstos no Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional, e a Xunta xa emitiu máis de 5.400 autorizacións para poder visitar Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada.