Adxudicada a obra de mellora da Rúa Condesa en Ribadumia por 646.000 euros
Por Anxo Lourido
646.000 euros destinará a Deputación de Pontevedra a unha obra que era demandada en Ribadumia desde hai anos para mellorar a mobilidade e a seguridade peonil da contorna da Rúa Condesa, en Barrantes.
Nese espazo atópanse o pavillón, un colexio e un campo de fútbol cun numeroso tránsito diario de persoas que acoden a estas instalacións.
Luis López, presidente provincial, anunciaba a adxudicación dos traballos sinalando que se modificará o trazado da rúa, urbanizaranse tamén as áreas de aparcamento creando zonas para dar servizo aos autobuses; e ampliaranse as beirarrúas cunha nova estrutura de formigón coloreado.
Ademais está prevista a instalación de pasos sobreelevados; drenaxe; rede de telecomunicacións; zonas axardinadas e mobiliario; ademais de instalar sinalización vertical e horizontal.
A Xunta de Goberno tamén aprobaba a mobilización de 1,1 millóns dentro do plan +Provincia para que nove municipios impulsen novos investimentos, afronten gastos correntes e contraten a 37 persoas.
Dentro da comarca pontevedresa, o Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá 70.043 euros que irán destinados á Iluminación e decoración de Nadal (16.200 €), música (12.990), teatro (10.591 €), excursións (5.000 €), festas infantís (4.488 €), San Xoán (4.433), festa de Entroido Infantil (3.955 €), Transgalaica (3.630 €), Nadal infantil (3.256 €), Campionato galego de Kickboxing (3.000 €) e Torneocup de fútbol base (2.500 €).
O resto de recursos irán destinados aos municipios da Cañiza, A Estrada, Dozón, Forcarei, Moaña, Mondariz, Ponteareas e Redondela.
I PLAN ESTRATÉXICO DE XUVENTUDE
Luis López tamén presentaba o plan previsto destinado á mocidade da provincia que incluirá axudas para renovar locais xuvenís e actividades no rural.
Poñerase en marcha o programa 'Vive o rural' con 30.000 euros destinados a financiar actividades ambientais promovidas por ANPAS e Centros educativos públicos en granxas escolares da provincia.
Tamén se vai a redeseñar a páxina web da Deputación para incluír un apartado para dar resposta á mocidade con información relativa a programas, axudas e espazos para o desenvolvemento de propostas.
'O teu espazo xuvenil' é outro dos programas anunciados cun orzamento de 100.000 euros que se investirán en dotar de elementos necesarios para os locais xuvenís dos municipios de menos de 20.000 habitantes.
O presidente provincial citou tamén outras iniciativas como +Xuventude; o Campamento da Lanzada; os Premios Provinciais á Xuventude ou o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos.
Entre os próximos obxectivos atópase a creación dun Consello Provincial da Xuventude para recoller as ideas deste sector de poboación e incluílas dentro das accións políticas da Deputación.
Relacionadas:
-
Oferta de emprego aberta para traballar na Festa do Viño Tinto do Salnés
Por Anxo Lourido |
-
Luis López garante a colaboración da Deputación con Down Pontevedra Xuntos
Por Anxo Lourido |
-
A incorporación de Luisa Sánchez leva a Rafa Domínguez a ocupar a vicepresidencia primeira da Deputación
Por Anxo Lourido |