Aberta a inscrición nas probas para o acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Por Redacción
Ata o 2 de abril permanece aberta a inscrición nas probas para o acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Estas probas constitúen un requisito previo para aqueles que queiran cursar unha titulación e non exime de realizar os trámites de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao fixados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).
Nese senso, serán o expediente académico e as cualificacións da ABAU as que determinen quen obterá praza o vindeiro curso nesta titulación, sempre e cando os aspirantes obtivesen a cualificación de aptos nestas probas, sendo válidas as superadas noutra universidade española.
Unha das novidades no presente curso é que as probas realizadas na Universidade de Vigo serán recoñecidas na Universidade da Coruña. Como recolle a convocatoria, están exentos deste requisito as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel ou de alto rendemento polo Consejo Superior de Deportes ou o organismo competente da comunidade autónoma.
Tampouco terán que realizalas novamente aqueles que as superasen o pasado curso, xa que a cualificación ten unha validez de dous cursos.
Dirixidas a garantir as aptitudes necesarias para o correcto desenvolvemento das competencias propias da titulación, trátase de probas de adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores e dos inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica. Os aspirantes deberán acadar as marcas mínimas fixadas no regulamento en seis destas sete probas, incluíndo sempre a de adaptación ao medio acuático.