Raquel Comesaña, alumna do CEIP Portonovo, gaña o concurso de "A mascota da auga"
Por Redacción
Sanxenxo xa ten imaxe para sensibilizar e concienciar sobre o consumo responsable da auga. A proposta da alumna de 6º de Primaria do CEIP Portonovo, Raquel Comesaña, foi a escollida entre máis de 600 debuxos presentados ao concurso "A mascota dá auga".
Na iniciativa, impulsada polo Concello de Sanxenxo e a emrpesa Espiña & Delfín, participaron os colexios da Florida, Magaláns, O Cruceiro, Portonovo, Nantes e O Telleiro.
A proposta gañadora é unha pinga de auga con rostro e corpo que ten na man unha buguina e unha táboa de surf emulando a icónica escultura da Madama de Silgar. O premio consiste nun vale por valor de 100 euros para consumir no comercio local de Sanxenxo adherido ao CCU Entretendas. O centro educativo no que estuda, o CEIP Portonovo, tamén ten premio, unha charla-taller participativa sobre o ciclo integral da auga.
O colexio con maior porcentaxe de participación en función da súa matrícula foi o CEIP Nantes (86,36 %) e recibe un vale de 150 euros para trocar por material escolar. Nos demais centros, a participación foi a seguinte, CEIP Magaláns (81,25 %), CEIP Cruceiro (70,59 %), CEIP A Florida (54,31 %), CEIP Portonovo (47,18) e CEIP Telleiro (45,16).