Os particulares xa se poden inscribir para participar nos xantares e ceas na rúa polo Día de Colón
Por Redacción
O Concello de Poio vén de anunciar que, a partir deste xoves 21 de marzo e ata o 21 de abril, os particulares poderán reservar espazo para xantar ou cear nas rúas de Combarro durante o Día de Colón, que se celebra o 10 e 11 de maio.
Esta é unha das principais novidades que se incorporaron á décima edición da festa medieval, que se recupera tras cinco anos sen organizarse, en colaboración coas asociacións Combrus, Lecoíña e Vides Novas.
Os xantares e ceas de particulares poderán organizarse o sábado, día 11, e as persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo de Combarro.
Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.
O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente medieval e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.
Entre as normas de participación propostas polas asociacións colaboradoras, destacan que todas as persoas da mesa vestirán traxes adecuados á época histórica da recreación da festa, e a decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música e incluso a animación tamén deberán ter temática exclusivamente medieval. De feito, haberá premios para os mellores decorados e ambientación.
Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións, e no caso de que se queiran instalar “jaimas”, teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo.
Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas e elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas. Estas e outras normas poderán consultarse na propia oficina turística así como na páxina web e nas redes sociais do concello e dos organizadores.
A programación prevista para o Día de Colón incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Ademais, desde a organización tamén manterán reunións de coordinación cos diferentes establecementos, que crearán os seus propios menús medievais.
Relacionadas:
-
Ramón Pedras, 'Petete', cumpre a súa promesa co Día de Colón e será o pregoeiro da décima edición
Por Redacción |
-
Alumnado de Chancelas planta 200 cerdeiras nos montes de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
O Día de Colón celebrarase en Poio os días 10 e 11 de maio
Por Redacción |
-
A Casa Museo de Colón participará na Rede REMA
Por Redacción |
-
Cancelado o Día de Colón en Poio pola previsión de choivas
Por Redacción |